Panel Avisos

Pechar

Benvida Patron Maior

Estimado compañeiro:
Como Patrón Maior quero darche a benvida mais sincera á nosa confraría, que de agora en diante queremos que sintas tamén como Túa.

Dende este momento formas parte da nosa entidade que conta con mais de 70 anos de Historia. Esa historia, e a experiencia derivada da mesma, está a túa disposición para axudarche na túa actividade laboral e, esperamos tamén, que pertencer a nosa entidade sexa motivo de orgullo, sexa de identidade e de capacidade para construír un futuro digno e sustentable.

A confraría está para acollerte e que te sintas aceptado/a e incorporado a unha actividade produtiva non exenta de circunstancias adversas, de maneira que xuntos e con forza poidamos loitar pola noso sector e polo medio natural e social, que nos da soporte.

Cremos que ti es o factor principal do noso servizo. A parte esencial, sen dúbida, o que nos fai diferentes de calquera outra entidade. Así o sentimos e así actuamos. Por ese motivo, terás ao teu alcance todas as vantaxes que figuran neste manual e sobre todo, a nosa disposición a axudarte, acompañarte, e a responder as túas inquedanzas, dun xeito persoal, sempre que o necesites.

Queremos que te sintas apreciado e valorado como home/muller de mar, como persoa responsable que busca o seu medio de vida, que valora o medio que lle da a vida e que agradece á sociedade a posibilidade de facer do mar a súa profesión e do seu recurso un orgullo para todos os galegos.

A confraría a facemos entre TODOS, por iso che pido a túa colaboración, que cumpras coas túas obrigas para coa confraría e que nos axudes dentro das túas posibilidades a mellorala. Queremos que estes presente nas reunións e actividades que desenvolvemos e nos des a túa opinión.

Por último, prégoche que leas o manual de Acollida que aparece na web da Confraría. Nel encontrarás información de moito interese sobre a nosa confraría.

Unha aperta.

DANIEL CASTRO FERNANDEZ
Patron Maior